Monday 06 de May de 2024

A Casa da Cultura acolle mañá venres unha charla da directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da USC


Terá lugar ás 20:00 horas e a asistencia é libre e de balde

A Casa da Cultura de Noia acollerá mañá venres 6 de abril, ás 20:00 horas, a primeira das catro ponencias incluídas nas III Xornadas Educativas, organizadas polas ANPAs do Colexio María Assumpta, Colexio Plurilingüe Jaime Balmés e Antón Avilés de Taramancos (CEIP Felipe de Castro) de Noia; así como pola ANPA Alecrín do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro de Lousame. A asistencia é totalmente de balde e non é necesario ningún tipo de inscrición.

A charla de mañá venres titúlase “Bordeando o iceberg” e será impartida pola doutora Carmen Pomar Tojo, directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela. Unha ponencia que permitirá coñecer un pouco mellor a natureza dos nenos e nenas con alta capacidade intelectual, sen caer nos estereotipos nin en mercantilismos.

Carmen Pomar Tojo é tamén profesora no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación nos Graos de Maxisterio e no Máster de Psicoloxía Evolutiva na USC; relatora en congresos nacionais e internacionais; autora de artigos no eido das altas capacidades; directora técnica na investigación do proxecto PITEAS: programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento; e directora técnica do programa de enriquecemento Proxecto QVO: Queremos Vivir Oportunidades, entre outras.

As III Xornadas Educativas están organizadas polas ANPAs do Colexio María Assumpta, Colexio Plurilingüe Jaime Balmés e Antón Avilés de Taramancos (CEIP Felipe de Castro) de Noia; e pola ANPA Alecrín do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro de Lousame. Contan coa colaboración do Concello de Noia, o Liceo de Noia, a Asociación de Altas Capacidades de Galicia e o Plan director da Garda Civil.